Friday 03 de May de 2024

Andaina Pro Saúde Mental celebra o seu cuarto aniversario na súa nova sede ordense


A dirección da ONG outorgoulle ao Concello de Ordes o título de socio de honra “por todo o apoio e esforzo realizado”

A asociación Andaina Pro Saúde Mental celebrou esta fin de semana o seu cuarto aniversario. Recitais musicais a cargo dos violinistas Alex Díaz e Nazaré Davila, o baile flamenco de Clara Miranda, proxeccións audiovisuais especialmente preparadas para a ocasión e desgustacións culinarias foi o que se ofreceu neste encontro. Unha xuntanza que por primeira vez tivo lugar na nova sede que a asociación ten na vila de Ordes, ubicadas na rúa Galicia.
Entre os que non quixeron perder a cita figuraban o presidente de FEAFES, Xosé Ramón Girón; o presidente de ADISCORDES, Antonio Morán; o cadro directivo de Andaina, con Omaira Twirán á cabeza, ademais dunha ampla gama de representantes de Cáritas e do ámbito xudicial e médico de Ordes entre outros moitos. Cabe destacar a presenza da tenente de alcalde e da concelleira de Diversidade Funcional do Concello de Ordes, Silvia Marín e Lucía Iglesias, respectivamente. A elas dúas fíxoselles entrega do título de socio de honra da asociación, “por todo o esforzo e colaboración prestados polo ‘Concello amigo’, tal e como o definiu a presidenta de Andaina. Na súa quenda as representantes do municipio ordense recoñeceron “o esforzo, a dedicación e o traballo realizado pola asociación Andaina na súa axuda a persoas que realmente a necesitan no eido rural”. Marín reafirmou unha vez máis “o apoio e compromiso que o Concello de Ordes ten cos máis desfavorecidos e con colectivos que precisan un compromiso serio e firme por parte das administracións”.
No acto fíxose un repaso aos distintos programas e actividades que ao longo destes catro anos se levan a cabo dende a asociación. Estas pasan por actuacións relacionadas coa atención diúrna, globalizadora e multidisciplinar con talleres rehabilitadores e prelaborais; información, asesoramento e orientación a calquera persoa interesada ou afectada; escola de familias, deseñada como un servizo psicoeducativo para as familias e coidadores principais de persoas con trastorno mental; atención a domicilio; Servizo de Atención no Fogar (SAF), coas características especiais do ámbito rural.
Outras inicaitivas destacadas, algunhas delas levadas conxuntamente con FEAFES foron: respiros familiares para axudar á familia a reducir carga de coidados e restablecer as boas relacións familiares; antiestigma de sensibilización social e loita contra a exclusión, con charlas en programas de radio, convocatorias artísticas, venda no mercado ordinario; Programa Mentalízate nos institutos de Secundaria; convenio de colaboración coa USC; promoción do voluntariado específico e adaptado ás necesidades e peculiaridades da saúde mental; ou os programas de formación de psicoloxía, pedagoxía, psicopedagoxía, traballo social, educación social, relacións laborais, terapeutas ocupacionais, FP de rama sociosanitaria etc, entre outros.